O 13 de marzo de 2020 quedaranos gravado como o día en que se declarou o estado de emerxencia sanitaria por causa da covid-19.
Nese momento tiñamos en Reverso por impartir moitas formacións. Entre marzo, abril maio e xuño eran 90 as persoas inscritas en distintos cursos, de elaboración do discurso, de linguaxe administrativa, de redacción de traballos de investigación, de lingua galega, etc.
Había que reformular unha parte do traballo axiña e non perder un tempo moi importante para quen contaba con esa aprendizaxe. En casos coma este estaba o alumnado co que estabamos traballando no deseño e redacción do seu Traballo de Fin de Grao ou Fin de Máster, ou daquel que estaba preparando a defensa da súa tese diante do tribunal.
Tiñamos ben trazado o camiño, xa que desde hai 10 anos contamos cun Campus virtual no que desenvolvemos case o 50 % das nosas accións formativas, polo que quedaba reorientar unicamente a formación presencial a virtual.
Digo unicamente, pero realmente é un universo, porque a docencia presencial e a virtual teñen moitos compoñentes diferentes que condicionan a forma de presentar os contidos, as ferramentas interactivas, o material audiovisual, as vías de comunicación síncronas e asíncronas co alumnado, etc.
Requiriu de moito tempo, de moito esforzo e de moita vontade por todas as partes, dada a situación ambiental, claramente desfavorable, e tamén porque puxo unha vez máis enriba da mesa a gran barreira da formación virtual, a fenda dixital. Ter ou non un dispositivo, dispor ou non dunha conexión de calidade e con capacidade para acceder ao material, é aínda unha tarefa pendente.
E introducir modificacións no proxecto formativo é moooi laborioso, require de moitas horas para aprender a traballar con ferramentas novas e de darlle moitas voltas á cabeciña para buscar alternativas enxeñosas.
Así e todo, as innovacións, ben planificadas, ben construídas, xeran moitas oportunidades, como chegar a un público que doutra maneira non podería formarse e tamén crear novas fórmulas de transferencia do coñecemento.
Pode substituír a formación presencial? Pois… depende do contido, dos medios, do público e dos obxectivos. Tampouco temos que pensar en termos de substitución e/ou desaparición, senón como complementación ou como vía alternativa de forma puntual ou continuada.
Non hai que satanizala e tampouco ignorala, porque está aquí e veu para quedar. É máis rendible coñecela, analizala, investigala e aprender a traballar con ela. Pode darnos grandes alegrías, dou fe.